VIVEIRO MONUMENTAL
vive a historia


PORTA DE CARLOS V o CASTELO DA PONTE:
Comezou a construírse no ano 1548, substituíndo a outra máis antiga; é obra de Pedro Poderoso. De carácter conmemorativo, erixiuse como homenaxe ó emperador Carlos V por eximir de tributos a Viveiro, mentres a vila non fose reconstruída, logo do incendio de 1540. A porta presenta tres corpos diferenciados. No primeiro ábrese un espectacular arco de medio punto con dous escudos de Galicia e Viveiro. No segundo corpo destaca o grande escudo imperial coroado co busto do emperador e flanqueado por catro medallóns que representan as liñaxes fundadoras da vila.
O conxunto remata cunha artística cornixa, parapeto, troneiras e ameas decoradas (BIC e Monumento Histórico)


PONTE MAIOR
Tamén chamada Ponte da Misericordia. É de gran lonxitude. Sabemos da súa existencia documental no ano 1224, aínda que a súa reconstrución comezou no ano 1462, durante o reinado de Henrique IV, e rematou en 1544 baixo o mandato de Carlos V.
Actualmente conserva visibles nove arcos, dos doce iniciais, debido ós sucesivos ensanches e modificacións que alteraron o seu aspecto primitivo. Serviu como embarcadoiro ou para labores de carga e descarga a través dun guindastre. Nela encóntrase a chamada “Cruz do Rolo” e, ó final da mesmo, a capela do Ecce Homo e o Pazo da Misericordia.


CONVENTO DE SAN FRANCISCO
O convento e igrexa de San Francisco está situado no extramuros do antigo recinto amurallado; pertenceu ós franciscanos e crese que foi fundado en 1219. O claustro aínda conserva dous fermosísimos arcos románicos do trazado primitivo; o actual, de dous pisos, é obra de Diego Ibáñez Pacheco (1645)
A igrexa (século XIV) é de estilo oxival na súa ábsida, brazos do cruceiro e diferentes detalles da nave. Na fachada principal presenta dous arcosolios que foron as primitivas entradas ás capelas de San Luís, bispo de Tolosa, patrón do gremio dos mineiros, e San Xoán Bautista (con pinturas murais do gótico lineal, século XV)
No interior destacan as capelas de San Ildefonso, oxival (século XIV) e Venerable Orde Terceira (século XVIII), con interesantes retablos e imaxinería da Semana Santa Internacional. Curiosos resultan os arcosolio e sepulcros da Beata Constanza de Castro e de Nicomedes Pastor Díaz (1923)
A ábsida de estilo gótico (século XIV) está considerada como unha das máis esveltas de Galicia e foi restaurada no 1965. (Conxunto Hº Artístico Nacional).



IGREXA DE SANTA MARÍA
Igrexa románica do século XII, de planta basilical, con tres naves, tres fachadas e ábsida de tramo recto. Na igrexa, sobre o tímpano interior da fachada norte, está o artístico grupo escultórico da Piedade (século XVI), procedente da derrubada Porta das Angustias. Ó fondo da nave hai unha curiosa pía bautismal con relevos bíblicos.
Destacan as capelas de San Gregorio (1468), de estilo oxival, con arcosolios sepulcrais dos fundadores, e a Capela da Virxe do Rosario (s. XVLLL), con retablo barroco, talla da Virxe do Rosario (s. XVI) e un Cristo articulado (s. XVI)
A ábsida presenta unha curiosa serie simbólica de modillón relativos á luxuria e os pecados capitais
(Monumento e Conxunto Histórico-Artístico Nacional)

Convento de las Concepcionistas, Viveiro.


Convento de las Concepcionistas, Viveiro.
CONVENTO DAS CONCEPCIONISTAS
Edificado en 1725 por testamento de Mª das Alas Pumariño e rexido por relixiosas concepcionistas de clausura. Destaca a portada e o portalón de acceso ó convento, en cuxo torno se pode encargar repostería. No seu interior existe un gran claustro de tres pisos con arcos na planta baixa (século XVIII).
Interesante capela aberta ó culto, con laudas sepulcrais e outros elementos artísticos.
A gruta de Lourdes é unha recreación da francesa en honor á Virxe e foi construída en 1925. Chaman a atención os numerosos exvotos de cera ofrecidos en agradecemento pola curación de doenzas de persoas e animais.




PORTA DO VALADO
A Porta do Valado e a Calella das Monxas forman un conxunto único.
A Calella das Monxas separa a horta conventual das concepcionistas, onde estivo a antiga capela de San Martiño, da rúa Cuberta, do pazo urbano dos Sotelo Valledor.
A Porta do Valado é unha das seis antigas portas medievais que tiña a poboación; actualmente só existen tres. Ó lado da mesma encóntrase o lenzo da muralla mellor conservado da localidade, ademais de importantes restos arqueolóxicos medievais.




PORTA DA VILA
Sinxelo arco de medio punto co bóveda de canón, que servía de entrada polo chamado Camiño Real. Conserva a inscrición epigráfica, en pedra, máis antiga de Viveiro, que di:
ERA M:CC:LV: Era 1255 (ano 1217)
IN TEMPO AF: en tempo de Afonso (rei Afonso IX)
Interiormente, sobre a porta consérvase un moderno camarín de madeira co grupo escultórico do Cristo do Amparo. Próxima a esta porta atópase a Fonte do Cadalso (s. XVII), que estaba enfronte do cenobio de Santo Domingo, demolido no 1851.




CASA DOS LEÓNS
Fachada dun suntuoso edificio tardo-renacentista do século XVII, hoxe desaparecido; recibe este nome polos dous grandes leóns de pedra que aparecen a ambos lados do escudo da familia Ponte Prada e Pardo de Lama Andrade, veciños de Ferrol. En 1987 sufriu a remodelación actual e perdeu, entre outros interesantes elementos arquitectónicos, a galería da parte do malecón e unha espectacular escaleira de pedra.


CAPELA DA MISERICORDIA
A capela da Misericordia ou do Ecce Homo foi fundada no 1603 por Rodrigo Alonso Alfeirán e reedificada nos anos 1648, 1791 e 1800. É de estilo renacentista.
Destacan o retablo neoclásico da Asunción da Virxe, do Altar Maior, e os frescos historiados da cúpula sobre a vida e milagres da Beata Constanza de Castro, obra de Camilo Díaz Baliño (1917).
No altar lateral dereito venérase a popular imaxe do Ecce Homo, ó que acoden multitude de devotos o primeiro venres de marzo, “día das tres grazas”, a pedirlle tres desexos.
Contiguo á capela está o Pazo da Misericordia.


IGREXA DE SAN PEDRO
Na súa contorna encontrábase o castro da Torre, actualmente desaparecido. Foi reedificada no século IX, ampliada no século XII e reformada nos séculos XVII e XX. É de estilo románico puro.
Destacan as súas fachadas laterais de pedra con variados modillóns nos aleiros, dous dos cales representan os órganos sexuais da muller e do home. Na ábsida, sobre o aleiro, chama a atención un cordón labrado e unha roseta esculpida sobre a ventá central; así como curiosos modillóns. No interior, resaltan a pía bautismal, os diferentes retablos e unha interesante inscrición epigráfica no muro lateral esquerdo.
Está catalogada como BIC.


MOSTEIRO DE VALDEFLORES
Beaterío, convertido en cenobio baixo a regra de Santo Domingo en 1406. O templo, de estilo gótico, foi refeito no século XVIII e restaurado recentemente. Nel venérase unha imaxe de alabastro de Nosa Señora de Valdeflores, aparecida no mesmo lugar, segundo conta a lenda.
Destacan a preciosa portada da parede lateral sur, de estilo oxival con capiteis románicos e coroada cunha imaxe de pedra de Santo Domingo, obra de Sarmiento e procedente do derruído convento dos dominicos.
As monxas dominicas de clausura ofrecen ó público, no torno, unha ampla variedade de doces e repostería.
.


CANELLÓN DO MURO
Antigo pasadizo que formaba parte do adarve da antiga muralla.
É considerada unha das rúas máis estreitas de España, cunha anchura de 1 a 2 metros.



PRAZA MAIOR
Conformada por distintas edificacións eclécticas que teñen en común elementos construtivos da arquitectura do norte: cubertas de lousa, balconadas con forxados, galerías acristaladas e paramentos de granito e cachotaría.
Sufriu diversas modificacións ó longo do tempo, ó derruírse a parroquial de Santiago (1840), o rolo e a picota, o cárcere e a casa dos Corrixidores (1874). Posteriormente, aumentou de perímetro e construíronse os cantóns: o de arriba (das Zocas) e o de abaixo (antigo Canto de Santiago). A partir de 1891 erixiuse a estatua do literato e político Nicomedes Pastor Díaz, obra do catalán J. Campeny, recentemente recolocada noutro lugar da praza.
Merece ser contemplado o artístico reloxo de sol declinante do antigo Concello, que representa a Ponte Maior e o león pasante, do escudo de Viveiro, obra de J. Sarmiento; e tamén un Santiago ecuestre, esculpido en pedra, na esquina da casa número 2 da rúa Pastor Díaz.



RESTOS DA MURALLA
Na zona da Ribeira hai unhas fiestras arqueolóxicas onde se poden ver dous tramos da antiga muralla que chegaban á xa desaparecida porta de San Antón.